Saltar navegación

Procedementos normalizados de traballo

Xeralidades

Tras a aprobación das normas de correcta elaboración e control de calidade de fórmulas maxistrais e preparados oficinais, faise necesaria, nas oficina de farmacia e servizos farmacéuticos, a implantación dun sistema de garantía de calidade. Para elo, o farmacéutico elaborador debe desenvolver procedementos normalizados de traballo que garantan a calidade do produto final.

A fin de facilitar este obxectivo a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios introduce no Formulario Nacional catro grupos de procedementos normalizados de traballo:

  • Procedementos xerais (PG).
  • Procedementos de elaboración de formas farmacéuticas (FF).
  • Procedementos de operacións farmacéuticas (OF).
  • Procedementos de controis de produto (CP).

A estrutura destes procedementos é común para todos, explicándose o seu contido e codificación no primeiro dos xerais (PN/L/PG/001/00), titulado "Elaboración dos procedementos normalizados de traballo", o cal serve de guía para a elaboración dos demais. Todos incluirán unha portada cunha serie de datos que aparecen recollidos no Formulario Nacional, entre os que temos o número de código correspondente. Este código é unha combinación alfanumérica.

Dúas letras, “PN” de procedemento normalizado/unha letra, “L” de laboratorio de formulación/dúas letras, que indican o tipo de procedemento/tres números que numeran o procedemento/dous números para a versión. Así:

  • PN/L/PG/***/**, procedementos xerais.
  • PN/L/OF/***/**, procedementos de operacións farmacéuticas.
  • PN/L/FF/***/**, procedementos de elaboración de formas farmacéuticas.
  • PN/L/CP/***/**, procedementos de controis de produtos.

A excepción dos xerais, que son orientativos xa que cada farmacia ou servizo farmacéutico os adapta a súa realidade, o resto son de obrigado cumprimento para toda a formulación maxistral tendo en conta que supoñen unhas mínimas esixencias e que poden ser adaptados ás particularidades de cada oficina de farmacia e servizo hospitalario.